o amor como sentimentalidade ultra
a semana pasada fixo xa dous anos da defensa da miña tese de doutoramento: xénero ultra: mobilizacións afectivas na política de xénero de vox. neste traballo de máis de catro anos analicei a sentimentalidade política de vox, propoñendo a observación do amor como un dos elementos afectivos centrais da ultradereita española. dous anos despois, considero que esta idea continua a ser vixente, sobre todo nos espazos militantes e de base ultra. deste xeito, fai un mes, un militante de ultradereita española contábame durante unha entrevista que el fora ao exército “por amor a España” e que estaba involucrado no seu partido ultra tamén “por amor a España”. o amor (á patria) continua presente, segue a ser unha ferramenta de activación e mobilización política.

a gramática política do amor
os marcos afectivos propostos pola ultradereita e as formas de sentir que ten a súa militancia son dous procesos co-constitutivos que se desenvolven dentro dun mesmo sistema político gramatical que, seguindo a brigitte bargetz (2019), eu denomino a gramática política do amor. esta gramática política é o elemento que permite o traspaso de información ideolóxica e afectiva entre o nivel meso-político do partido e o micro-político dos seus militantes. ao mesmo que na gramática lingüística, a gramática afectiva establece cales son as pautas dos elementos políticos e afectivos, así como determina a súa organización e combinación.
a comprensión do amor coma un sistema político gramatical de sentimentos non significa que os partidos de ultradereita unicamente mobilicen o amor. entendelo como unha gramática política significa ter en conta ao amor como a guía afectiva que establece o funcionamento e a conexión doutros marcos afectivos (coma pode ser o medo, o asco ou o odio) co sentir plural das súas militancias. o amor proporciona un fío argumental, dános un sistema gramatical que une, guía e conecta a acción política partidista e militante. por exemplo, santiago abascal, nun discurso que fixo nunha das festas políticas do partido ultra, puxo en evidencia o fío do amor:
“amades a vosa patria, fachas. queredes a españa, fachas. defendedes as fronteiras de españa, as paredes do voso fogar, xenófobos e fachas. parécevos que a inmigración debe ser controlada dalgún xeito, racistas e fachas. gostades das tradicións, as festas populares e as procesións de españa e do seu mundo rural, retrógados e fachas. moléstanvos os impostos abusivos que vos quitan a metade da herdanza dos vosos pais, insolidarios e fachas. fastídiavos que os vosos impostos paguen dezaseta parlamentos e a milleiros de políticos inútiles e traidores, centralistas madrileños (aínda sexades da coruña ou de lleida, ou vascos coma min) e moi fachas. rexeitades a lei de memoria histórica, franquistas e fachas. non admitides a criminalización dos homes coas leis totalitarias da ideoloxía de xénero, machistas e fachas. é igual o que pensedes, os progres e comunistas e unha parte tamén da dereita cobarde teñen un insulto preparado para vos lanzar. case sempre o mesmo: fachas e mil veces fachas (aplausos). con vox todo isto rematou. convosco todo isto acabou porque os insultos de pablo iglesias, pedro sánchez e de quim torra os temos de medallas no peito (aplausos). os progres non contaban co miura de vox que se soltou en vistalegre (madrid). non viñemos a gustarlles, viñemos a representar á españa viva. viñemos a sinalar os culpables da división, do enfrontamentos e da ruína de españa e a combatilos! (aplausos)” santiago abascal, vistalegre i, sete de outubro de 2018

aquí abascal pegou o amor a patria, as fronterias, o fogar, a tradición, a herdanza, a propiedade privada, o centralismo imperalista español, a liberdade neoliberal, a desmemoria histórica e a ideoloxía de xénero, xunto cos verbos querer, controlar, gostar, molestar, fastidiar, criminalizar e non admitir. ao mesmo tempo, o amor está pegado á súa política de xénero antifeminista, a súa política racial nativista, a súa política económica neoliberal, a súa política nacionalista española e a súa política ideolóxica posfranquista. conéctase tamén a unha grande pluralidade de afectos (cabreo, rexeitamento, medo, frustración, apego, cobardía, orgullo, etc.) que se estruturan mediante o fío político e sentimental do amor a España, ás fronteiras pechadas, ás tradicións nacionais e católicas, ao home vítima do feminismo, ao individualismo neoliberal, ao centralismo español, ao pasado histórico e á valentía fronte os rivais políticos.
así tamén, o líder ultra usa de xeito repetitivo o insulto “facha” despois de cada “desexo político” de vox para activar ao público mediante unha conexión gramatical do amor. o seu pegamento afectivo e a reapropiación do termo “facha”, fai que vox se narre como un suxeito político valiente e que envalentona ao pobo español contra a élite política progre. amores, odios e valentías atopan o seu sentido dentro da gramática política do amor que une cada un dos elementos ideolóxicos, partidistas e simbólicos do espazo ultra.
en contra do esencialismo afectivo
en conclusión, descubrir o amor como a gramática política de vox incorpora ao coñecemento sobre a ultradereita unha perspectiva afectiva non moi habitual e a cal nos proporciona unha protección fronte a lecturas esencialistas e marais da acción política ultra, así como evidencias científico-sociais para entender o crecemento e, sobre todo, o mantemento deste tipo de partidos políticos. non obstante, o amor surxe como gramática nun contexto histórico e político concreto. esta gramática é un lugar precario, móbil e en constante negociación. actualmente o modo afectivo de vox a nivel partidista (meso-político) está a variar: deixando así pouco a pouco esta gramática baseada no amor para direccionala cara outros enfrontamentos máis duros (mais, esta xa é outra cousa que debería ser estudiada no futuro).
o que quero dicir é que o amor non ten que ser sempre a guía política-sentimental do partido ultra, outras emocións ou sentimentalidades poden funcionar deste xeito dependendo das condicións do momento político e da negociación entre a base militante e a estrutura do partido.
[este texto é parte das conclusións da miña tese de doutoramento, específcamente entre as páxinas 308-311]
—
podes contactarme e enviarme os teus comentarios por mastodon: @[email protected]
